martes, 30 de maio de 2017

RADIONOVELA: "MEMORIAS DUN NENO LABREGO" - PROXECTO 3º ESO A - IES AS BARXAS

A partir da lectura de Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, o alumnado de 3º ESO  A do IES As Barxas organizouse en grupos de traballo coa súa profe de Lingua Galega, Adriana Vázquez, para elaborar un guion dramatizado sobre os capítulos que lles tocasen coa intención de crear unha radionovela sobre a figura de Balbino, o neno aldeán protagonista desta obra. Cada grupo se responsabilizou de buscar os elementos acústicos necesasarios para que cada capítulo lles resultase atractivo aos oíntes. Ademais, incorporaron elementos narrativos e descritivos imprescindibles para a comprensión dos textos dramáticos ao longo da radionovela. 


RADIOCLIPS: "MENTIRA" DE CARE SANTOS - PROXECTO 2º ESO C - IES AS BARXAS

O alumnado de 2º ESO C do IES As Barxas leu Mentira, a obra de Care Santos, coa súa profe de Lingua Galega, Adriana Vázquez. 
Despois da lectura investigaron sobre a vida e obra da autora e sobre algún elemento narrativo da novela (personaxes, argumento...). Logo redactaron un guion que ofrecese o produto da súa investigación de forma creativa. O paso final consistiu na gravación dunha serie de radioclips, para os que tiveron como modelo o traballo dos ecuatorianos https://radialistas.net/.

Os radioclips son os seguintes:
- Care Santos por Care Santos: Nerea e Nayara.
- Concurso: Quen sabe máis de Care Santos?: Marta Otero, Aida Currás e Jorge Ángel.
- O argumento: Santiago Bouzón.
- Eric e Xenia: Vera Ruíz e Eric Santiago.
- Os centros de menores: Antía Rey e Noelia Paredes.
- Opinións: Noelia Alonso, Leire González, Alexandre Soage.
- Fragmentos: Alberto Álvarez, Raúl Martínez.
- (Falsa) Entrevista a Care Santos: Noa Mayán, Laura Pouso, Mar Sanmartín.


domingo, 21 de maio de 2017

COMICON: DÍA 2 POLA TARDE




Mentres pechaba o recinto principal, no Alto da Praza de abastos, ao mediodía para facer unha pequena pausa e comer, permanecía aberto o pavillón de Reibón para celebrar, igual que o día anterior, un novo torneo de Quidditch, deporte ficticio practicado por personaxes do mundo máxico na serie de novelas de Harry Potter, escritas por J.K.Rowling. Practícano estudantes de colexios como o colexio de Hogwarts de Maxia e seleccións de todos os países. A característica principal é que se xoga voando sobre escobas máxicas. Hoxe acudiron membros da Asociación de Quidditch Vigo. 






A tarde no escenario principal comezou coa presentación dos fanzines Androide Paranoide e Planeta Metamorfia.












Entretanto, na sala colindante, tiña lugar un obradoiro de debuxo manga a cargo de María Vilar e Iago Araújo, de Clases de Cómic de Vigo.






A presentación do xogo Infinity, un xogo de miniaturas que simula combates futuristas nunha contorna de ciencia-ficción resultou especialmente interesante para o público asistente. Os seus creadores e distribuidores, a empresa Corvus Belli, ubicada en Bueu, foron os encargados de explicar as características do xogo.






A continuación ocupou o escenario principal unha relatora moi especial, Yumivigo, que nos ofreceu unha charla sobre armaduras e props e como podemos crear os nosos propios cosplays.







Fóra do recinto os xogadores de Jugger continuaron durante toda a tarde practicando a súa recén descuberta nova paixón. Outros, dentro, seguían coas pistolas Nerf e co torneo de Magic.




E rematamos a xornada cun concurso de karaoke no que houbo variedade de participantes, dende rapaces que decidiron rapear composicións propias, ata outros que improvisaron coa axuda do móbil dos seus pais.




Ah, outra das nosas contribucións ao evento foi a presentación dos Podcasts realizados por alumnos e alumnas do IES As Barxas: Oito ilustradores galegos, Nove ilustradores galegos, Entrevistas a autores galegos e a Radionovela Escarlatina, a cociñeira defunta.




Por último, cómpre agradecer a presencia de stands con librerías dedicadas ao mundo do cómic e o manga, como a librería Wells de Cangas, por exemplo, e outros con distintos elementos de merchandising, como os funkos. E, por suposto, o enorme esforzo realizado polos coles de primaria na decoración do recinto.







COMICON: DÍA 2 POLA MAÑÁ





O segundo día da COMICON INTERCENTROS deu comezo cos relatorios do noso alumnado. Inaugurou a xornada Ángel Pequeño cunha charla titulada "Animes para comezar".




Tocoulle despois a Isabel Cascante, que nos deleitou cunha charla sobre "Os estudios Ghibli".



Despois Alba Rodríguez falounos de "Moda xaponesa".



María Puentes instruíunos acerca da "Censura no anime".



Logo Andrea Pérez explicounos as relacións existentes entre "Manga e feminismo".



E por último, Cédric Piñeiro contounos unha chea de cousas sobre "A lenda do samurai".



Ao mesmo tempo que se celebraban as charlas, tiña lugar o Torneo de Magic (de novo a cargo de Mazinger) na sala contigua, que comezou ás 10:00 da mañá e se prolongou ao longo de toda a tarde cunha grandísima asistencia de público participante de todas as idades. De feito, cando as mesas quedaron escasas, algúns habilitaron outros espazos para seguir coas partidas.






Logo de rematar as charlas impartidas polas nosas alumnas e alumnos deu comezo o obradoiro de debuxo tradicional, a cargo de Pablo José Martínez, "Orballo", ilustrador infantil para as editoriais Galaxia, Kalandraka e Santillana e que exerceu como profe de plástica no IES A Paralaia entre 2006 e 2010.







Entretanto, no escenario principal o debuxante Ramón Trigo presentábanos a súa última obra, "Lobada" e despois levaba a cabo un obradoiro co público asistente, que deu como resultado unha fermosa balea debuxada entre todxs.









Rematou a mañá coa entrega de premios do Concurso de Cómic por parte de María, do Concello de Moaña.







Ao longo de toda a mañá estivo prevista tamén a proxección de películas e proxectos audiovisuais realizados nos distintos centros participantes na Comicon e tamén seguiu habendo cola para poder xogar ás pistolas Nerf.